Thursday 02 de May de 2024

A Concellaría de Cultura de San Sadurniño recibe medio cento de imaxes para a exposición “Pegadas dun pasado”


Para esta fin de semana o Concello tamén programa unha nova cita do Á xunta da noite -venres, 20.00h en Silvalonga- e a actuación da Xove Banda de Narón o domingo ao mediodía en Naraío con motivo do San Roque

Xa pode visitarse na galería do Concello a exposición fotográfica “Pegadas dun pasado”, que na súa segunda edición repasa escenas das antigas escolas e do ensino en San Sadurniño anterior a 1973, ano en que entrou en funcionamento o colexio público que recollía o alumnado da EXB de todas as parroquias. Malia que a convocatoria para xuntar imaxes se lanzou con pouca marxe de tempo, o departamento de Cultura logrou reunir unha colección de medio cento de instantáneas nas que vemos o ambiente escolar desde os anos 30 até inicios dos 70.

Boa parte delas son estampas de casas grandes que reservaban un espazo para ensinar a ler e escribir e as “catro regras” matemáticas imprescindibles para desenvolverse na vida. Tamén son fotos de nenas e nenos en branco e negro con curte de pelo á taza sentados diante daqueles mapas da España “Una, grande y libre”, ou imaxes grupais con mestres, monxas e cregos das escasísimas excursións que se facían para visitar monumentos.

Mesmo hai cartillas do Ministerio de Educación Nacional, cadernos de caligrafía e exercicios e follas escaneadas daquelas enciclopedias escolares que condensaban nun só libro todo o saber e todos valores que se consideraban necesarios para facer da rapazada xente de proveito, entendendo como tal que as mozas se convertesen en amantísimas nais e dilixentes amas da casa e que os mozos saísen esforzados ganadores do pan e garantes da preservación das esencias do Espírito Nacional.

En definitiva, “Pegadas dun pasado” é unha viaxe a tempos pasados que viñeron a mellor que poderemos facer en horario de mañá até finais deste mes.

Hai tan só dúas semanas o Concello fixo un chamamento á participación nesta mostra colectiva, organizada -igual que en 2020- para celebrar o Día Internacional da Fotografía, marcado no calendario do 19 de agosto. Ese día ás 20.00h farase a inauguración oficial nos xardíns municipais coa asistencia de todas as persoas que contribuíron á exposición buceando nos arquivos familiares, dixitalizando e imprimindo as fotos.

Entre aquelas con idades comprendidas entre os 7 e os 18 anos sortearanse dous portátiles, mentres que entre as persoas maiores de idade se sortearán dúas tabletas.

Á xunta da noite en Silvalonga e música no adro de Naraío.
Ademais desta exposición xa aberta, Cultura prosegue co seu programa itinerante Á xunta da noite, que este venres ás 20.00h chega a Silvalonga. Actuarán Circus Magníficus, Isabel Risco e a AC Berros do Castro. O evento está programado ao pé da capela do Santiago e, se chovese, instalaríase unha carpa. Ademais tamén haberá onde petiscar algo a prezos populares e ao longo da velada sortearanse vales canxeables na hostalaría ou o comercio local.

Hai 100 localidades dispoñibles. Para asistir fai falla reserva previa chamando ao 616 332 919 ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Para a que xa non queda sitio é para a seguinte cita do programa -venres 20 en Ferreira de Abaixo-, aínda que o departamento de Cultura anotará até un máximo de 150 solicitudes (100 fixas xa presentadas e 50 adicionais) para o caso de que vaia bo tempo e non sexa necesario utilizar carpa, co que se podería incrementar o aforo. Neste sentido, desde a área municipal prégaselle á xente que se apunte e que despois non poida acudir por calquera motivo que o comunique o antes posible para cederlle o sitio a quen estea na lista de agarda.

No calendario da semana central do verán falta por mencionar que este domingo 15 de agosto -véspera do San Roque- a iso das 13.30 ou 13.45h actuará no adro da igrexa de Naraío a Xove Banda de Narón, como parte do percorrido musical que está facendo polas parroquias coincidindo coa celebración das misas patronais.